Non iremos moi lonxe na primeira
das dúas xornadas consecutivas que disputaremos como visitantes na liga. No
pavillón dos Remedios agárdanos o Ourense Envialia para afrontar un novo derbi,
o cuarto desta tempada. O encontro, que será emitido en directo pola TVG2,
xogarase o sábado ás 17:00 horas.
Se ben é certo que ambas
escuadras se coñecen dabondo, esta vai ser a primeira vez que o partido se
xogue en Ourense. Con anterioridade, o balance dos tres partidos na Seca é moi
parexo: un 2 – 3 na primeira volta da liga, un 3 – 1 nos oitavos de final da
Copa da Raíña e o recente 0 – 0 na ida das semifinais da Copa Galicia. O
encontro de volta desta competición o 18 de marzo será o definitivo derbi entre
os dous clubes nesta campaña.
Actualmente, o Poio Pescamar
recuperou o quinto posto na Primeira División logo de vencer por 3 – 1 ó Bilbo,
no día no que debutou Lutxi nas nosas filas. Pola contra, lonxe da Seca,
sumamos tres derrotas seguidas e catro partidos sen gañar. A última vitoria
remóntase ó día 30 de novembro, cun 2 -4 en Leganés. O balance coma visitantes
é de 4 triunfos, 2 empates e 4 derrotas, con 24 goles marcados e 29 recibidos.
Só dous postos por enriba, pero
loitando cos galos da categoría, está o noso rival do sábado. O Ourense
Envialia só cedeu dous empates e dúas derrotas nas 22 xornadas de liga. Nos
Remedios unicamente caeron ante o Burela e igualaron co Alcorcón, o segundo e cuarto
clasificado respectivamente. As ourensás venceron os sete últimos partidos de
liga, todos os de 2020, un ano no que só o Poio lle logrou vencer.
Así pois, outro derbi entre
coñecidos que promete o mellor nivel do fútbol sala feminino español e no que
ambos conxuntos se xogan moito máis que tres puntos. Para nós, a quinta plaza é
o obxectivo a manter, mentras que o Envialia ten moi preto alcanzar o segundo
posto do Burela.
No hay comentarios:
Publicar un comentario