jueves, 5 de marzo de 2020

Novo derbi entre vellos coñecidos




Non iremos moi lonxe na primeira das dúas xornadas consecutivas que disputaremos como visitantes na liga. No pavillón dos Remedios agárdanos o Ourense Envialia para afrontar un novo derbi, o cuarto desta tempada. O encontro, que será emitido en directo pola TVG2, xogarase o sábado ás 17:00 horas.

Se ben é certo que ambas escuadras se coñecen dabondo, esta vai ser a primeira vez que o partido se xogue en Ourense. Con anterioridade, o balance dos tres partidos na Seca é moi parexo: un 2 – 3 na primeira volta da liga, un 3 – 1 nos oitavos de final da Copa da Raíña e o recente 0 – 0 na ida das semifinais da Copa Galicia. O encontro de volta desta competición o 18 de marzo será o definitivo derbi entre os dous clubes nesta campaña.

Actualmente, o Poio Pescamar recuperou o quinto posto na Primeira División logo de vencer por 3 – 1 ó Bilbo, no día no que debutou Lutxi nas nosas filas. Pola contra, lonxe da Seca, sumamos tres derrotas seguidas e catro partidos sen gañar. A última vitoria remóntase ó día 30 de novembro, cun 2 -4 en Leganés. O balance coma visitantes é de 4 triunfos, 2 empates e 4 derrotas, con 24 goles marcados e 29 recibidos.

Só dous postos por enriba, pero loitando cos galos da categoría, está o noso rival do sábado. O Ourense Envialia só cedeu dous empates e dúas derrotas nas 22 xornadas de liga. Nos Remedios unicamente caeron ante o Burela e igualaron co Alcorcón, o segundo e cuarto clasificado respectivamente. As ourensás venceron os sete últimos partidos de liga, todos os de 2020, un ano no que só o Poio lle logrou vencer.

Así pois, outro derbi entre coñecidos que promete o mellor nivel do fútbol sala feminino español e no que ambos conxuntos se xogan moito máis que tres puntos. Para nós, a quinta plaza é o obxectivo a manter, mentras que o Envialia ten moi preto alcanzar o segundo posto do Burela.