Páginas

lunes, 24 de febrero de 2020

A Copa Galicia volve á escena coas semifinais




Regresa á palestra a competición autonómica mañá, martes de entroido, co partido de ida das semifinais ante o Ourense Envialia no pavillón da Seca. Ó igual que na Copa da Raíña, cruzámonos coas ourensás despois de superar a O Fisgón o 31 de agosto do ano pasado na primeira rolda.

Naquel encontro, que rematou con marcador de 2 – 5 na pista marinense do Sequelo, con goles de Antía (por partido dobre), Anna Escribano, Dani Sousa e Irene, comezábase a perfilar o equipo aínda en pretempada. Agora, nun momento de certa dúbida no que logramos clasificar á Final Four da Copa da Raíña, pero no que tan só sumamos tres dos últimos dezaoito puntos na liga, ímonos enfrontar en varias ocasións en pouco tempo a un dos mellores equipos de España.

O Ourense Envialia vai terceiro na Primeira División con 53 puntos e enlaza seis vitorias consecutivas. No seu haber está, xunto co Burela, ser o conxunto menos goleado polo momento. A este enfrontamento chegan tras gañar por 1 – 0 ó Bilbo, rival que virá á Seca o sábado desta semana.

Pola contra, nós volvemos con derrota da longa viaxe a Murcia, onde o UCAM ElPozo nos venceu por 4 – 1. Esta derrota fíxonos perder o quinto posto, estando empatados con 35 puntos coa Penya Esplugues. Sen novidades na convocatoria, haberá minutos e moitas rotacións que den paso a xogadoras da canteira, debido ó curto plantel tralas baixas de longa duración de Antía e Clara.

Este será o primeiro dos tres partidos en tres semanas que disputaremos fronte ó Ourense Envialia, xa que a volta destas semifinais xogarase o 18 de marzo e, entremedias, o día 7, disputamos no seu campo a xornada 23 de liga. O derbi de mañá vai ser o terceiro consecutivo esta campaña librado en Poio. O primeiro, en liga, rematou con triunfo visitante por 2 – 3, mentras que na Copa da Raíña, en oitavos de final, vencimos por 3 – 1.

No hay comentarios:

Publicar un comentario